Friday 03 de May de 2024

O Centro de Saúde acolle a exposición ‘Implícate, son as túas veciñas’


Desde o 16 de novembro ata o día 30, estará dispoñible no Centro de Saúde de Ortigueira a exposición fotográfica da campaña municipal contra a violencia de xénero.

Baixo o lema “Implícate, son as túas veciñas”, búscase concienciar, sensibilizar e reivindicar a necesidade de prever as violencias machistas e implicarse con todas aquelas mulleres que a están padecendo.

Desde o Concello de Ortigueira agradécese o apoio da Subdirección de Humanización, Calidade e Cidadanía, da área sanitaria de Ferrol, para levar a cabo esta acción.

O centro de saúde participa de maneira activa no protocolo municipal de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, xunto con Educación, Avogacía, Xudicatura, Policía Local, Garda Civil, Servizos Sociais e CIM.

A Organización Mundial da saúde declarou a violencia de xénero coma un problema de saúde pública, sendo un factor crucial no deterioro da saúde das mulleres e os seus fillos. Trátase dun problema que ocasiona graves problemas de saúde física, psíquica, sexual e reprodutiva para a muller. Os profesionais da saúde están formados para axudar ás mulleres que sofren maltrato. Principalmente, os profesionais dos centros de saúde, por proximidade e accesibilidade, son claves para detectalo, intervir a tempo e derivar a outros servizos ou recursos, de ser necesario.